XENTÍO A UN SON BERREGANDO
Sempre vas, mulleriña,
polas rúas berrando
as túas teimas e as túas cousas
sen saberes ata cando.
Sempre vas, mulleriña,
co teu berro esgazado
pola sombra da multitude
que por dentro tamén vai chorando.
Sempre vas, mulleriña,
pola miseria en anacos,
¿andas a redimir pola esmola
recollendo os remorsos
da conciencia dos fartos?
Sempre vas, mulleriña,
feita de dor e de laios,
de amor de pan reseso
e caridade de farrapos.
Ven, mulleriña, deixa que te limpe;
deixa que che estiñan o escarnio das feridas;
deixa que agochen con incenso
a túa andaina polo tempo e a vida.
Mira, aquí tes unha flor,
unha poesía,
un pouco de comprensión,
un aloumiño de mel
para o teu corazón.
E tamén un can vello para que te lamba e agarime
e un contedor do lixo con moitas cousas
con que te agasallan
as mans abertas e xenerosas.
É un xeito de amarte nas rúas.
Soñaba eu, soñabas ti, soñaban eles...
e tamén soñaba Deus.
Serxio López-Corona Martínez
1 comentario:
Sergio, como siempre en tus obras de denuncia a los menos favorecidos por la fortuna, muy buen poema
Publicar un comentario
" Piensa si lo que vas a decir es más hermoso que el silencio"