SOMBRA AGOREIRA

Escoitei mentres falaban,
de ese fin que a todos leva.
O Xoán está maliño,
din que a Nadal xa non chega.

E aló por aquela estrada
vaia desgraza que houbera,
que se o fillo do Manolo,
que se o neto da Carmela.

Onde non hai curandeiro
que ese xarope teña,
para ese neno, para ese home,
cando vés sombra agoreira.

E ao lembrarte este meu corpo,
é coma se me encollera.
As miñas pernas, cangallos
cando o vento os abanea.

Que me enche de arrepíos,
que afoga e non me deixa,
que esta luz que agora miro,
no teito da noite pecha.

¡Non! Eu non sei concienciarme,
só prego para que non veña.
Pero ela non me fai caso,
sen piedade a todos sega.

Ten compaixón polos santos,
agarda ti que nos levas,
que esta viaxe é moi curta,
acouga, non teñas presa.

Xa que nos imos contigo,
ese día cando veñas,
que sexa nun anaquiño
con un cento de anos sequera.

¡Ai! Meu paiciño do ceo,
que quizais eu non debera,
hei de acatar o que mandas,
aínda que ás veces non o entenda.

Será que perdín a fe,
¡Ai meu Deus, que me apareza!
Fai que vexa ese teu reino,
éncheme de fortaleza.

E perdóame paiciño,
se pecado cometera.
Pero sería mentira,
que outra cousa aquí dixera.
eu teño medo da morte,
son débil, ¡maldita sexa!

Isaura Lago Álvarez

Grupo Poético Brétema

1 comentario:

Francisco de Sotavento dijo...

"¡Ai! Meu paiciño do ceo,
que quizais eu non debera,
hei de acatar o que mandas,
aínda que ás veces non o entenda"

--------------------------------
Isaura,o poema é totalmente xenial, non che digo que sexa do ceo pero está pretiño dese Reino. Un saúdo de Sotavento.

Publicar un comentario

" Piensa si lo que vas a decir es más hermoso que el silencio"

Powered by Dhn © 2008-2009 Grupo Brétema • Agrupación Poética Brétema de Vigo • Grupo Brétema
La Agrupación Poética Brétema de Vigo, Se reserva todos los Derechos.