A Dna. Margarida Agulló,
poetisa de inquedanzas sociais e relixiosas,
que quixera ser treboada.
PARUSÍA
Os meniños choran bágoas de pedra
polos ollos que o miran.
Brazos feridos sen man e sen lei,
orfandade de po e de vento
e fame aguilloada sempre pola meiga vella e chuchona.
Así milleiros, millóns de rapaciños
consumidos polo tangaraño,
asasinados pola cobiza
dos que nunca fartan de estar fartos.
Logo, mágoa e dor
compaixón de circunstancias,
xeitos de egoísmo encaretado
como manda a moral farisaica,
a moral de golpes de peito, oracións e palabras.
Si, sentimentos de xente que cae de xeonllos diante de Deus
polo medo da morte,
e non pola vida,
si, piedade satisfeita de incenso
e con arrecendos do ceo na alma.
Se Cristo viñese de novo
e vira a Terra inzada de nenos esmorecendo,
de nenos que só se miran coma imaxes,
de nenos esmagados polo poder e a opulencia,
mandaría, ipso facto, ás lexións celestiais e aos zelotas
afundir para sempre as pompas e as grandezas,
derrubar os templos que medran da morte
e destruír as pechaduras para meter dentro os brazos feridos
e os despoxos.
Se Cristo viñese de novo
e vira sombras de voitres á espreita dos ósos dun meniño,
revogaría a orde establecida
instituíndo unha nova ética eudemonista e social
para que todos os famentos desta vida
puideran acadar as estrelas.
Se Cristo viñese de novo
e vira unha soa bágoa enturbando unha mirada inocente,
erguería a súa man, "dies irae",
para xebrar o seu rabaño
e pórse de novo e para sempre
ao lado dos nenos, dos pobres e dos xustos.
Se Cristo viñese de novo
deixaría limpo este mundo insolidario e avarento
volvendo ao esquecemento eterno da nada
a todos os fillos que deturpan a súa propia creación.
-Non o dubides, irmán, non o dubides, Cristo volverá.
-Pois que veña axiña!
Serxio López- Corona Martínez
(Terceira Antoloxía do Grupo Poético Brétema)
2 comentarios:
meu amigo Serxio Margarita sentirase moi afortunada por terte como compañeiro,Cristo xa está con nos somos libres para facer mal ou todo o contrario.Alegrome moito polo teu ben facer.
visitar a páxina:http//grandaldoce@blogspot.com e escribir as vosas opinións. Gracias.
Publicar un comentario
" Piensa si lo que vas a decir es más hermoso que el silencio"