MOCEAR

MOCEAR

 

E andaban os mociños

polos campos e as fragas

e poñían niños de paxaros nos ollos

para saír voando por enriba

das árbores e as montañas

a colleitar amores de sílfides

que alí polo aire moraban.

E atraíanas mastigando

ramalliños de nébeda

para recender polos beizos

o alento e a sensación da vida

cando se está namorado.

 

E andaban os mociños

nas noites de San Xoán

a cortexar polas praias

con reclamos de buguinas

que polas ondas soaban

para atraer as sereas

que alí quedaban varadas.

Pero elas, con ollos de augamar

e cantos mariñeiros,

engaiolaban a os mozos

para que as bicaran nos bicos dos peitos

e nas bocas de coral

con sabor a mar salgada

ata fuxiren na alta noite

ao chegar a preamar.

 

E andaban os mociños

tralas mociñas feiticeiras

na festa do Casal.

E cando o gaiteiro tocaba

o compás da muiñeira

tódalas rapazas, todas fermosas,

con brincos de merlos nos ollos

con xeito rebrincaban

e ao remirar de esguello

luceiros no aire deixaban.

E ata o monótono roncón da libeliña,

no idílico lugar,

exhalaba fragancias de xazmín e tomentelo.

Logo os mozos e as mociñas

collidos polo van e lévedos de amor

bicábanse nos beizos

na festa dos namorados

alí, no torreiro.

 

Serxio López-Corona Martínez

No hay comentarios:

Publicar un comentario

" Piensa si lo que vas a decir es más hermoso que el silencio"

Powered by Dhn © 2008-2009 Grupo Brétema • Agrupación Poética Brétema de Vigo • Grupo Brétema
La Agrupación Poética Brétema de Vigo, Se reserva todos los Derechos.