A LANCHIÑA DO MAR

A LANCHIÑA DO MAR

 

A todos os mariñeiros, náufragos

e mortos do meu mar, do noso mar.

 

 

Prisioneira do horizonte

a lanchiña navegaba

cara a illa da luz

cun sorriso de escuma

e a quilla alucinada.

O home do cabo,

Cabo Home,

como unha ronca

sempre lle berraba:

"Volvede, que alá o sol

é mágoa!"

Enfrontando a borraxeira

que viña polo mar

a lanchiña mareira

soamente tiña proa

e seguía a navegar

entre as pugas dos baixíos

e dos cons guerreiros

e das gadoupas de pedra

do monstro Boeiro.

E máis forte có zoar do vento

e có mar que bruaba

a voz de Cabo Home

entre a néboa resoaba:

" Volvede, que alá o sol

é mágoa!"

Co compás desnortado

que só o poñente sinalaba

a lanchiña mariñeira

sempre avante navegaba

atraída pola illa

que, coma un leviatán

coruscando entre a bruma,

xa se albiscaba.

Arredor dela,

en procesión,

barcos e cascos vellos

empuxados polo vento

a circunnavegaban

con fogos de San Telmo nos mastros,

como do mar unha Santa Compaña.

Namentres, o voceirón de Cabo Home,

que da brétema xurdía,

polo ámbito do ceo

coma un trono ecoaba:

" Volvede, que alá o sol

é mágoa!"

Pero a lanchiña do mar

non tiña oídos

porque a tripulaban

mariñeiros pantasmas

da Ría de Vigo.

 

Serxio López- Corona Martínez

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

" Piensa si lo que vas a decir es más hermoso que el silencio"

Powered by Dhn © 2008-2009 Grupo Brétema • Agrupación Poética Brétema de Vigo • Grupo Brétema
La Agrupación Poética Brétema de Vigo, Se reserva todos los Derechos.